Saturday 18 de May de 2024

A Xunta avoga pola incorporación á axenda política da planificación estratéxica co fin de producir unha transformación na cultura organizativa das administracións públicas


A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o curso monográfico ‘A planificación estratéxica como método de xestión pública’, de carácter eminentemente práctico

Esta mañá a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou o curso monográfico A planificación estratéxica como método de xestión pública, dirixido prioritariamente aos empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, pertencentes ao grupo A do persoal funcionario (subgrupos A1 e A2) ou aos grupos I e II do persoal laboral.

Durante dous días analizarán os aspectos máis destacados da planificación estratéxica e da dirección por obxectivos, cun carácter eminentemente práctico e a través do estudo de experiencias xa levadas a cabo na Administración pública española e da elaboración dun plan estratéxico.

Na súa intervención, a directora da EGAP destacou a importancia da formación nesta materia para poder xerar transformacións importantes nos organismos públicos, o que redundará nun mellor servizo á cidadanía. Tamén avogou pola incorporación á axenda política da planificación estratéxica co fin de producir unha transformación na cultura organizativa das administracións públicas.

Neste sentido, Sonia Rodríguez-Campos quixo resaltar a coexistencia de dous niveis de decisión, como son o político e o administrativo, o que implica que o contexto e o esquema planificador no ámbito público sexan distintos aos da xestión empresarial.

Por outra banda, Benito Ramos Ramos, docente do curso e asesor da Secretaría de Estado de Cultura, sinalou que esta actividade formativa pretende trasladar todas as experiencias levadas a cabo nas administracións públicas españolas, poñendo como exemplos o caso pioneiro do Consejo Superior de Deportes, xa nos anos 90, e a implantación dun plan estratéxico no Museo Reina Sofía no 2014, entre outras experiencias recentes.

Ademais, apuntou que as claves fundamentais deste curso serán o traballo en equipo e que “cada alumno descubra por si mesmo que posición adoptaría como parte dunha unidade operativa dun plan de actuación estratéxico”.